ás 9:58 o meu cuarto é a escena dun crime.
fallou o asasino e tamén iso de que sempre volve. na ducha achégome ás paredes e atópoas por contacto, cos ollos pechados. chámolle proximidade á distancia coa parede pero non llo chamo a un café tras tantos anos. chámalle, se queres aterse aos modelos deslizarse por outros corpos apartar as mesas e as cadeiras dar espazo á xente. chámalle boa vontade ao que eu lle chamo querer facerche dano querer morderte. * ás 13:13 acendo o aspirador e paseo o seu ruxir por toda a casa. atopei debaixo do sofá a bufanda que che tecín para que fose a prolongación eterna dun abrazo. a bufanda coa que fixemos un niño de merlo unha noite demasiado fría para ser de maio. * ás 18:25 vou espindo as patacas co pelador verde que me mercaras porque es un chafalleiro e deixas a metade da pataca na prana e para remedialo fuches correndo ao bazar da rúa do lado, escolliches o verde, paraches por unha barra de pan camiño da casa acórdome porque a comemos a bocados mentres eu ía batendo os ovos. tan pouca tortilla ti dicías non ten moito sal e eu dicía que ben lle chegaba que o sal sobe a tensión e que se non a comías era porque xa non tiñas moita fame e que un morre pola mesma boca que logo usa para bicar ata romper a pel finísima dos beizos. bicabamos xa pouco neses días bicabamos como comiamos a tortilla sen sal porque xa non tiñamos moita fame.
0 Comentários
Enviar uma resposta. |
Histórico
Janeiro 2021
|